FÁLAME SEMPRE!
O Concello de Cangas a través da Concellaría de Servizos Sociais, Igualdade e Sanidade en
colaboración coa Federación Española de Municipios e Provincias pon en marcha a campaña
Fálame sempre! sobre a prevención e o consumo responsable nos bares. Nesta ocasión a
campaña abórdase dende o plano emocional. O manexo emocional está presente en todas as
facetas das nosas vidas. O xeito co que nos relacionamos e nos vinculamos tanto con nós como
co resto da xente está dirixido por mecanismos emocionais.
Todas as persoas temos unha tendencia natural á proximidade e ao contacto que pode darse en
moitos ambientes: no privado, dentro da familia e no público en diferentes espazos de ocio como
son os bares. Os bares son centros de reunión social, espazos de encontro, espazos de consumo
de alcol pero tamén de consumo de conversa e interacción. Este é o principal foco da nosa
campaña, fortalecer o bar como espazo de xuntanzas e de consumo de conversas.
Fálame sempre! é mais que unha frase curta. É unha chamada á amizade, a coidar uns dos
outros. É darlle valor á conversa, á escoita, a fomentar a unión e a irmandade entre as persoas. A
campaña ten como obxectivo principal traballar cos hostaleiros e hostaleiras de Cangas en torno
á idea de poñer en valor á dimensión emocional dos seus negocios. Ao mesmo tempo,
contactaremos coa súa clientela para retratar e recoller a súa historia como grupo.
Enxalzar estes grupos Fálame sempre!, poñendo a atención no bar como espazo emocional de
encontro positivo onde o importante é a conversa e os coidados que os grupos teñen uns cos
outros, non o que se bebe. A campaña ten varias accións:
– Elaboración e difusión dun vídeo promocional da campaña onde actores e actrices de Cangas
desenvolven un momento Fálame sempre! nun bar e convidan a hostaleiros e hostaleiras e á
cidadanía a atoparse na conversa.
– Encontros de coordinación e presentación cos hostaleiros para a súa participación activa na
campaña.
– Interacción cos bares adscritos á campaña onde se recolleran en retrato ou audiovisual os
grupos FÁLAME SEMPRE, persoas que se están a divertir e poñen en valor o bar como espazo
de encontro e que se xuntan con outras persoas para compartir a súa emoción e a súa historia de
grupo.
Gabinete de comunicación
Concello de Cangas.